Novas e comunicacións
Publicación dos permisos de marisqueo a pé 2023
02/01/2024O marisqueo é a actividade extractiva, desenvolvida a pé ou dende unha embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre dirixida de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización.
Xunto aos mecanismos xerais impulsados pola administración pesqueira galega orientados á explotación racional dos recursos mariños (regulación das artes, tamaños mínimos, horarios de actividade etc.), no marisqueo adquiren especial importancia os relacionados coa ordenación da actividade a través dos títulos administrativos habilitantes (permex) e os plans de explotación.
Desde mediados da década dos 90, época da que data a anterior regulación dos permisos de explotación de marisqueo a pé, o sector sufriu unha importante transformación, xa que pasou de ser unha actividade individual e meramente extractiva a outra organizada na que se realizan traballos complementarios de semicultivo e de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros. Este aspecto, xunto á necesidade de establecer medidas de conciliación nun colectivo conformado maioritariamente por mulleres levou á publicación da Orde do 15 de xullo de 2011, que supuxo unha nova regulación dos permisos na que se recollen unha serie de factores que permiten acompasar as medidas legais á actual actividade desenvolvida nos labores marisqueiros.
Dende a Plataforma Tecnolóxica da Pesca preténdese, ano a ano, difundir a información dos datos dos permisos de explotación de marisqueo a pé existentes en Galicia, así como os datos da súa evolución.
Para iso, séguese un proceso que inclúe a revisión de todos os rexistros recollidos no sistema de xestión de procedementos administrativos da administración autonómica, a súa identificación e posterior validación das diferentes situacións dos permisos.
Os datos ofrecidos, refírense á situación dos permisos o 31 de decembro e permiten observar a súa situación por provincias, por zonas de produción administrativa, por entidades ou por tipo de permiso, e ofrécese para cada un destes parámetros a situación xeral e a súa evolución nos últimos anos, así como o detalle por xénero e por tramos de idade.
A información completa pode consultarse nesta ligazón.