Acuicultura

Galicia é, sen lugar a dúbidas, unha referencia europea e mundial na acuicultura, non só pola súa actual capacidade produtiva, por si mesma importante no cultivo de moluscos bivalvos especialmente do mexillón cultivado en batea, senón aínda máis, pola potencialidade que lle ofrecen as inmellorables condicións ecolóxicas e tecnolóxicas cara a este e outros grupos de especies, que cunha axeitada planificación, respectuosa cos valores naturais, culturais e paisaxísticos, permitan o desenvolvemento desta actividade en todos os ámbitos territoriais susceptibles para acollela (marítimo, marítimo-terrestre, litoral e interior).

A Unión Europea, a través da Política Pesqueira Común, formula promover a sustentabilidade desta actividade, e contribúe á seguridade e ao abastecemento alimentario, ao crecemento e ao emprego. Para isto establece que os Estados membros elaboren un plan estratéxico nacional, de carácter plurianual que, entre outros aspectos, simplifique os procedementos administrativos, lles garanta aos operadores acuícolas unha seguridade razoable no que respecta ao acceso ás augas e ao espazo e defina indicadores de sustentabilidade nos ámbitos medioambiental, económico e social.

Neste sentido, Galicia, de xeito coherente con outras ferramentas galegas de ordenación do territorio, conta cunha Estratexia Galega de Acuicultura (ESGA) que se constitúe como a ferramenta básica para guiar a dirección da xestión e ordenación da acuicultura galega. Para iso, esta estratexia conta cun conxunto de actuacións nos diferentes ámbitos: normativo, organizativo, de planificación, investigación, formación ou de comercialización, de xeito que permitan evolucionar de forma ordenada a esta actividade nun amplo horizonte temporal fixado ata o 2030. A información da ESGA pode consultarse a través da páxina web http://www.intecmar.gal/esga.

Neste contexto a Plataforma Tecnolóxica da Pesca pretende constituír un punto de apoio a este proxecto a través das ferramentas tecnolóxicas xa implantadas ou que no futuro se implanten. Deste xeito, ofrécelles aos produtores o soporte necesario para realizar as xestións esixidas legalmente en relación coa comercialización das especies que se cultivan. Para iso, na actualidade este soporte diríxese cara a unha dobre vertente, por unha banda achega información sobre o volume produtivo e económico que o sector move en Galicia, e por outra facilítalles aos titulares de viveiros flotantes e de parques de cultivo a xeración dos documentos de trazabilidade que forman parte do proceso de comercialización dos moluscos bivalvos cultivados.

A primeira vertente realízase por medio dunha aplicación informática que permite a transmisión das transaccións comerciais efectuadas polos establecementos de acuicultura: viveiros (tipo bateas, gaiolas e liñas de cultivo), parques de cultivo e granxas mariñas, que estean autorizados para realizar a primeira venda dos seus produtos cando non sexan obxecto de venda en lonxa.

A segunda, a través da aplicación ""Expedición telemática de documentos"", resolve a funcionalidade de xestión documental que ampara as labores de recolección (documento de orixe), e o transporte dos lotes de moluscos bivalvos vivos entre establecementos ou dende unha zona de produción ata un centro de expedición, un centro de depuración, unha zona de reinstalación ou un establecemento de transformación (documento de rexistro).

Finalmente comentar que o sistema de trazabilidade Trazamar que permite a xestión documental no ámbito da xestión da produción e a comercialización dos produtos pesqueiros e acuícolas. En particular, actualmente da soporte a xestión dos distintos tipos de establecementos de destino dos documentos de rexistro de moluscos bivalvos, equinodermos, gasterópodos y tunicados mariños vivos para a xestión relacionada con dito documento.