Rexistros

Tradicionalmente as administracións tenden a establecer obrigas de comunicación de datos e a actualización destes, pero ata o de agora viñan carecendo de mecanismos para poder absorber dun xeito ordenado todos os datos que se presentan por parte da cidadanía. Neste sentido, a administración autonómica galega está a impulsar un proceso de modernización e innovación tecnolóxica co obxecto de axilizar a prestación de servizos públicos á disposición dos cidadáns, para simplificar trámites, facilitar a presentación de documentos e reducir os tempos de resposta, cuestións que pasan ineludiblemente pola actualización e posta en funcionamento da administración electrónica.

Neste marco, a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia regula os rexistros no seu título XIII. A través deste título indícase que a consellería con competencias en materia de pesca, no ámbito das súas competencias, establecerá entre outros, a creación de dez rexistros.

Parte destes rexistros xa existen e outros son de nova creación. A súa importancia está fóra de dúbida ao constituírse coma un dos piares de información das actividades marítimo-pesqueiras que se desenvolven en Galicia, e non só para servir como sistemas de coñecemento que reflictan o estado actual e a tendencia destas actividades, cuestión por si mesma importante, senón tamén para servir como instrumentos imprescindibles nos que se sustentan as diferentes xestións que deben realizar no seu día a día os diferentes operadores que interveñen nelas asegurando, ao mesmo tempo, o seu necesario e obrigado control.

A administración pesqueira galega, consciente desta importancia, está a facer un importante esforzo na súa dotación, avaliando as súas características específicas, contido e regulación de funcionamento, que deberán adaptarse ás necesidades das unidades departamentais que teñan atribuídas as correspondentes competencias relacionadas con cada un dos rexistros en cuestión.

Neste sentido, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca, leva impulsando xa desde o ano 2008, un sistema baseado en diversos rexistros que lle permite ao sector a realización de múltiples xestións de xeito telemático a través de diferentes aplicacións informáticas.

Neste proceso de impulso, non se debe esquecer o protagonismo que adquiren os propios profesionais que exercen a actividade pesqueira, marisqueira ou acuícola, así como os operadores que interveñen na comercialización dos produtos pesqueiros, xa que é a súa interrelación con estas aplicacións a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, terminais de autoxestión instalados nos portos galegos (Ticpesc) ou das novas ferramentas que se instalen consecuencia dos avances tecnolóxicos, a que nutre de datos os propios rexistros.

Do anteriormente exposto é un claro exemplo o Rexistro de buques pesqueiros de Galicia, que constitúe o piar para permitirlles aos armadores que poidan declarar a alternancia de artes para as súas embarcacións de artes menores; ás lonxas e centros autorizados, a identificación para o envío de datos das notas de primeira venda de pesca, así como, para xerar os documentos que amparan o transporte dos produtos pesqueiros previo á súa primeira venda, todo iso de xeito áxil e doado, cumprindo coas esixencias establecidas legalmente polas diferentes administracións pesqueiras.