Introdución
O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia constitúe un instrumento básico que permite o seguimento da dimensión da frota pesqueira con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia dende a súa creación en 1991. Este rexistro, permite dispoñer dunha información fiable e actualizada coa que compatibilizar de xeito sustentable o esforzo pesqueiro e a explotación dos recursos mariños da frota radicada en Galicia. Ademais, é un dos piares sobre o que se asentan as aplicacións informáticas que se empregan para a emisión das declaracións de alternancia das embarcacións de artes menores, dos documentos que amparan o transporte dos produtos pesqueiros dende o punto de descarga ata a lonxa/centro autorizado de primeira venda e da correcta cobertura das notas de venda.
O obxectivo desta publicación é difundir anualmente o número de embarcacións e as principais características da frota galega dedicada a labores de pesca extractiva e de marisqueo da lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques que ten como base un porto da nosa comunidade autónoma. Ademais, ofrece información sobre as embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura pertencentes á lista cuarta do rexistro mencionado.
En todos os casos, os datos desta publicación están referidos a 31 de decembro do ano 2016.
Con esta publicación dáse cumprimento á operación estatística 3201-01-OE05 Explotación del Registro de Buques Pesqueros de la Comunidad Autónoma que aparece recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2017.
Estrutura da publicación
A publicación estrutúrase en catro capítulos, xunto co prólogo, a introdución e un último capítulo de anexos.
No primeiro capítulo realízase unha análise xeral da frota pesqueira galega, ofrecendo información sobre o número de embarcacións de 3.ª lista e as súas características principais: arqueo, eslora e potencia. Así como información da súa distribución territorial por portos base.
O segundo capítulo, céntrase nas embarcacións de artes menores, por ser este o colectivo cuantitativamente máis relevante na nosa comunidade. Así, publícanse táboas resumo das características destas embarcacións e a súa distribución territorial en función do seu porto base. Ademais, ofrécese información relativa ás embarcacións que teñen autorizadas determinadas artes como artes de anzol, marisqueo, artes menores de cerco, enmalle e nasas. Cómpre ter en conta que un mesmo buque pode ter autorizadas ata cinco artes, polo que nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, a suma das distintas categorías non coincidirán co total de embarcacións.
No terceiro capítulo, a información céntrase no colectivo das embarcacións de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, por ser este o censo máis numeroso despois do de artes menores.
Finalmente, no cuarto capítulo, reflíctese a cuantificación e as principais características das embarcacións de cuarta lista, correspondentes a buques auxiliares de pesca e acuicultura.
Principais resultados
O número de embarcacións operativas con porto base en Galicia á data do 31 de decembro de 2016 e de 4.430 en terceira lista e 1.277 en cuarta lista.
No referido ás embarcacións de terceira lista, buques de pesca extractiva e marisqueo, o cómputo global de 2016 amosa a continuidade na tendencia dos últimos anos en relación ao número de unidades, cun moderado descenso do 0,18 % con respecto a 2015. Nembargantes, en relación aos indicadores de capacidade da frota no ano 2016 identificase un cambio de tendencia, dado que tanto o arqueo Gt como a potencia Cv incrementan os valores respecto de 2015, nun 0,99% e un 1,47% respectivamente. Estes resultados son consecuencia da progresiva modernización da frota pesqueira, con embarcacións cada vez de maior porte e seguridade. Pola súa banda, á frota do caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste unicamente diminúe en 4 unidades en 2016 respecto á situación publicada no ano anterior.
De xeito similar ao presentado nos últimos anos, o segmento de frota máis significativo na frota pesqueira galega é o de artes menores, cunha cifra de 3.930 embarcacións, xeralmente de pequeno porte, cunha eslora media de 6,38 metros, que se dedican a unha pesca multiespecífica por medio dunha ampla variedade de artes que utilizan en función da especie obxectivo. Nótese o significativo aumento, en termos medios, da potencia dos buques, cun incremento de 1,20 CV de potencia por embarcación, en termos medios, respecto á situación do 2015. Se nos fixamos nos portos base destas embarcacións, a maior parte concéntranse na zona III-Arousa (41,53%), seguida das zonas IV-Muros (14,86%) e I-Vigo (14,12%).
En relación ás embarcación da frota do caladoiro nacional cantábrico noroeste de cerco, comentar que no 2016 incrementan o seu número respecto do 2015 en una unidade. Este segmento de frota adicase principalmente á captura de especies peláxicas, tales como a sardiña, o xurelo e a xarda.
No que respecta ás embarcacións auxiliares de pesca e acuicultura a 31 de decembro de 2016 sumaban 1.275 unidades, principalmente concentrada, desde o punto de vista xeográfico, na zona III-Arousa (69,85%).