Prólogo
A aposta perenne por redinamizar día a día a pesca e todo o entrabado que a rodea é e debe ser unha constante que forme parte do ADN de todo Goberno autonómico galego. Servir e apoiar a este conglomerado social e económico ha de ser a xusta reciprocidade a un traballo, o das xentes do mar, que poñen o mellor de si para que Galicia avance.
Por iso, conscientes das crises periódicas que o sector pesqueiro atravesa, como si de temporais de ondas e vento se tratase, faise necesario traballar cóbado con cóbado para dispor a mellor estrutura para que soporte a estabilidade dun sector en termos ambientais, sociais e económicos. Desde a reformulación da Política Común de Pesca en termos máis acaídos ata a mellora da xestión e ordenación das pesquerías, todo suma a prol da competitividade e sostibilidade da nosa frota pesqueira.
Trátase, en termos prácticos e tendo en conta o importante esforzo de axuste realizado por Galicia nestes anos, de manter un nivel axeitado de buques e dispor dunha adecuada dispoñibilidade de posibilidades de pesca. Sumando ambos factores, falando de custes de explotación e incrementado as cifras do segundo factor teremos a clave e o porqué de soster ou mesmo relanzar emprego e facturación, tanto directa como indirecta, xa que sabemos que a pesca galega mantén relación con 74 ramas das 81 coas que se representa toda a economía galega.
Xa que logo, traballando arreo para consolidar un mellor substrato económico, ambiental e social, temos hoxe a plasmación neste documento dun feito importante, xa que por primeira vez en moitos anos temos datos positivos en termos de evolución da capacidade da nosa frota pesqueira, incrementando tanto arqueo coma potencia.
Pero para que este feito vexa a luz é preciso traballar arreo, e nese senso quero agradecer ao persoal da Consellería do Mar o seu labor, especialmente ao Servizo de Análise e Rexistros e ao de Innovación Tecnolóxica da Frota, e, como non, ao sector pesqueiro galego que sae cada día a faenar dotando a esta actividade secular de presente e de futuro.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar