Rexistro de Buques Pesqueiros 2012



Introdución


O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia constitúe un instrumento básico que permite o seguimento da dimensión da frota pesqueira con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia. Desde a súa creación en 1991, mediante a publicación do Decreto 232 do 4 de xullo1, ao longo destes anos regulárono, actualizárono e impulsárono diversas normas, que o dotaron da necesaria actividade e axilidade para recoller todas as incidencias, situacións e modificacións da vida dos buques: altas, baixas, cambios de base ou de titularidade, dotacións de novos elementos de comunicación e seguridade ou cambios nas características estruturais2. Todo isto coa finalidade de dispoñer dunha información fiable e actualizada coa que compatibilizar de xeito sustentable o esforzo pesqueiro e a explotación dos recursos mariños da frota radicada en Galicia.

Paralelamente, os avances tecnolóxicos producidos ao longo destes anos permitiron a instalación de ferramentas, aínda hoxe en continua evolución, que posibilitaron mellorar substancialmente a información dispoñible. Nun primeiro momento, a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca e, máis recentemente, coa achega aos portos pesqueiros de terminais Ticpesc, dúas canles que lle serven ao sector pesqueiro para realizar as súas xestións cotiás en calquera momento dos 365 días do ano.

Deste xeito, a información do Rexistro de Buques é un dos piares que lle serve de sostén ás aplicacións informáticas que prestan estes servizos, como a referida á identificación dos proveedores de produtos pesqueiros que figuran nas notas de venda ou dos armadores que declaran a alternancia de artes para as súas embarcacións de artes menores ou que mesmo xeneran os documentos que amparan o transporte dos produtos pesqueiros. A súa vez, estas xestións, moi vinculadas á situación da embarcación, permiten incrementar o emprego e actualización dos datos do propio rexistro, o que supón un aumento da súa fiabilidade.

Coa presente publicación de periodicidade anual, que constitúe xa a novena edición, e coas actualizacións que, con carácter provisorio, se ofrecen diariamente a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca (www.pescadegalicia.com), preténdese darlle continuidade á difusión da dimensión da frota pesqueira, que ten como base un porto da nosa comunidade autónoma e que realiza a súa actividade tanto en augas galegas como noutros caladoiros aos que ten acceso. Como nas anteriores edicións, preséntase a situación do Rexistro de Buques de Galicia na súa imaxe a 31 de decembro e, deste xeito, pasa a formar parte dunha pequena serie histórica coa que comparar a súa evolución anual.

Se ben, ata o de agora esta publicación se centrou na frota constituída polo conxunto de embarcacións dedicadas a labores de pesca extractiva e de marisqueo da lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques, a frota pesqueira galega inclúe tamén as embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura da lista cuarta de dito Rexistro que, pola súa importancia, tamén consideramos necesario ofrecer unha axeitada visión da súa dimensión. Non obstante cumprir este obxectivo require dun esforzo adicional e, en aras de non retrasar a saída da presente publicación, optamos por publicar o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia 2012 en duas fases. A primeira, coa mesma estrutura que a publicada en edicións anteriores e a segunda, coa incorporación dun capítulo adicado á frota pesqueira galega constituída polas embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura.

No referente á frota adicada á pesca extractiva e ao marisqueo, as cifras xerais deste ano 2012 amosan unha situación sen demasiadas novidades respecto das tendencias detectadas nas derradeiras publicacións, e, máis concretamente, desde que a partir do ano 2009 o descenso de unidades pesqueiras se suaviza respecto do descenso que se viña rexistrando en anos anteriores. No 2012, apenas existe variación en canto aos valores acumulados de arqueo e potencia dos buques, aínda que o número total de unidades inscritas na 3ª lista -4.631- presenta un descenso un pouco máis marcado. Así, se durante o ano 2011 o resultado foi unha variación neta dun descenso de 64 unidades respecto do ano anterior, no ano 2012 a variación neta resultante é dun descenso de 103 unidades.

O repartimento da perda de unidades por segmentos de frota é similar, e o maior número de baixas aparece no segmento de artes menores. En canto á diminución de unidades por provincia, o descenso que se produce é da mesma orde nas provincias da Coruña e Pontevedra e é moi inferior na de Lugo. Cómpre destacar que as zonas máis afectadas por este descenso son a zona I-Vigo e zona III-Arousa.

En relación coa frota de artes menores, cunha cifra de 4.059 unidades, as artes con máis presenza nas embarcacións son: marisqueo desde embarcación, presente no 63% dos buques; nasa para nécora e camarón, no 61% dos buques; liña ou cordel e nasa para polbo, que se sitúan cada unha delas arredor do 33%; artes de enmalle, trasmallos (26%), miños (24%) e vetas (21%).

Estrutura da publicación

A estrutura da publicación mantense respecto de edicións anteriores, coa salvedade comentada da incorporación, ao longo do ano, dun capítulo adicado á frota constituída polas embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura da lista cuarta.

A primeira parte dedícase á presentación dos datos a partir dunha análise xeral da totalidade da frota pesqueira galega adicada á pesca extractiva e marisqueo.

Na segunda parte, a publicación céntrase na frota de artes menores, a máis significativa en canto a número de unidades, e achega información dos principais grupos de artes, así como daquelas que, pola súa significación, se consideran de especial interese: artes de anzol (liña ou cordel e palangrillo), marisqueo (desde embarcacións, percebe e rastro de vieira ou volandeira), artes menores de cerco, enmalle (miños, trasmallos e vetas), nasas (para nécora, camarón e polbo). Nesta parte da publicación, dado que un mesmo buque pode constar en dous ou máis grupos de artes, en concordancia coa normativa que regula a alternancia de artes, nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, os datos consolidados non se corresponden coa suma dos datos desagregados e, polo tanto, a mesma unidade pode contabilizarse en dous grupos de artes diferentes.

Finalmente, a publicación remata coa presentación da información dos buques de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, por ser este o conxunto máis numeroso despois do de artes menores.

En calquera destas tres partes ofrécense os datos por caladoiros, provincias, zonas de produción, portos base e por tramos de eslora, arqueo e potencia.

Outros datos

Como se indicaba ao principio desta introdución, o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia dalle soporte á ferramenta informática de despacho da alternancia de artes para as embarcacións de artes menores, cuxa regulación vén establecida pola Orde do 26 de outubro de 20043.

Ao longo do ano 2012 tramitáronse 41.996 despachos de cambio de arte, por riba da cifra media de 39.740 dos últimos 4 anos nos que vén funcionando esta ferramenta informática.

Merece unha especial atención a evolución ascendente dos despachos realizados polos propios armadores a través dos terminais Ticpesc desde que no 2010 se iniciou o seu despregue por diversos portos galegos, o que pon de relevo, en xeral, a boa acollida das novas tecnoloxías por parte do sector pesqueiro. Neste sentido, pasouse de xeito progresivo, paralelamente á implantación destes terminais, de xerarse o 2,24% do total de despachos do ano 2010, ao 17,76% do 2011 e ao 36,81% do 2012.

Por último, con esta edición de 2012 dáselle axeitada divulgación á información estatística de carácter oficial recollida pola operación 32-101 "Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da comunidade autónoma"4. Os obxectivos desta operación son coñecer as características, actividades, artes empregadas, zonas xeográficas de pesca, potencia de pesca (CV) e capacidade de almacenamento (GT)– da frota pesqueira con base nos portos da Comunidade Autónoma.

1Decreto 232/1991, do 4 de xullo, polo que se crea o Rexistro de Buques de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de Galicia (DOG Núm. 133 do 12 de xullo de 1991).
2Na actualidade as normas que regulan o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia son: 3Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG Núm. 215 do 4 de novembro de 2004) modificada polas Ordes do 3 de maio de 2007, do 26 de marzo de 2009 e do 31 de marzo de 2011 (DOG Núm. 90 do 10 de maio de 2007, Núm. 68 do 8 de abril de 2009 e Núm. 80 de 26 de abril de 2011 respectivamente).
4Decreto 20/2013, do 24 de xaneiro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 (DOG Núm 28 do 8 de febreiro de 2013).