Anuario de pesca 2013



Presentación


Un ano máis a Consellería do Medio Rural e do Mar volve a poñer enriba da mesa este Anuario de Pesca. Son xa dez anos nos que puidemos ver, na estatística anual, a liña que a nosa pesca e o noso marisqueo vén trazando no devir diario. Precisamente, este documento analítico non vén máis que a servir de resumo anual dunha tarefa construída día a día polos profesionais que baixan aos areais ou que se embarcan nos nosos peiraos para traernos o mellor do mar aos mercados.

Son eles, os mariñeiros e mariscadoras, quen fan esta publicación e quen lle dan relevancia ao noso sector marítimo-pesqueiro. Xunto a eles, confrarías, lonxas, lugares de venda e comercializadores arriman o seu esforzo para que o labor do Servizo de Análises e Rexistros deste departamento teña o alimento dos datos que nos permite cifrar a dimensión económica da nosa actividade no mar en termos extractivos.

Realizar este retrato anual esixe desa achega das imaxes diarias das nosas lonxas, e vén a reflectir o estado da nosa pesca e do noso marisqueo. Por iso salientamos esa importancia da remisión duns datos que, coas facilidades dos medios telemáticos coma os TICPESC ou os sistemas dixitais de venda, nos permiten monitorar practicamente xornada a xornada a nosa actividade marítimo-pesqueira.

Ademais, esta vía que vimos transitando é inserible e acorde coa situación que nos formula a nova Política Común de Pesca, onde a recolección de datos é un dos piares. Neste sentido, Galicia avanzou sempre neste traballo por considerar que a información do sector e da actividade en termos ambientais, económicos e sociais era a mellor base para a adopción de decisións.

Unha vez referendada esta tese en Europa no ámbito político- administrativo, vemos como esta aposta transcende da normativa en papel e acada a praxe diaria en forma de acordos nos que o sustento dos datos permite avaliar o seu impacto e salvagardar así o prexuízo para os nosos pescadores e mariscadoras.

A retirada da proposta de prohibición de pesca en augas profundas, a rectificación da baixada do TAC do lirio no Cantábrico ou a decisión anual sobre as posibilidades de pesca son exemplos claros de como a presentación do impacto en euros e empregos son o eixe da disposición de medidas axeitadas aos intereses do sector.

Xa que logo, cómpre seguir nesta tarefa analítica do noso sector e traballar arreo para que estes datos, hoxe plasmados nesta publicación, sigan sendo un alicerce das decisións públicas. Sen dúbida, estas teñen que ser correctas en canto a que é o propio sector o que nos achega o seu saber e experiencia en forma de datos.

Así pois, esta é a súa achega ao sector e a nosa. É a súa ferramenta a prol do sector e a nosa. Agora queda á súa disposición.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar