Anuario de pesca 2013



Introdución


Seguindo a liña trazada en anteriores edicións continúase co proceso de difusión anual do Anuario de Pesca de Galicia iniciado hai máis dunha década, que neste se concreta no Anuario de Pesca Fresca 2013. A principal pretensión é a de facilitar os principais datos estatísticos da primeira venda de pesca fresca que é realizada anualmente en Galicia.

Na confección desta publicación está implicado unha rea de persoal que directa ou indirectamente intervén no proceso de comercialización: os propios pescadores e mariscadores que levan os seus produtos ás instalacións para a súa primeira venda; o persoal das lonxas encargado da recepción, a clasificación, o pesado e a poxa; os compradores... O resultado é un conxunto de máis de 3 millóns e medio de transaccións comerciais de produtos pesqueiros efectuadas anualmente en primeira venda nas lonxas galegas e centros autorizados.

É doado comprender que o manexo de todo este volume de información tan só é posible grazas á utilización de medios tecnolóxicos que pasan, en primeiro lugar, por posibilitar a recepción das notas de primeira venda transmitidas polas lonxas e centros autorizados. Deste xeito, unha vez realizadas as poxas e outros tipos de venda dos produtos pesqueiros frescos, toda a información é recollida no programa informático colocado nas diferentes instalacións, que permite a súa exportación a un ficheiro co formato definido regulamentariamente no que se identifican, entre outros, o lugar, datas de descarga e de venda, especies, cantidades, prezos e axentes que interveñen na transacción, para logo pasar a enviarse á páxina web da plataforma www.pescadegalicia.com.

Diariamente na Plataforma Tecnolóxica da Pesca realízase unha actualización e primeira validación dos datos recibidos, que permite a súa publicación provisional na páxina web. Posteriormente, ao longo do ano realízase un traballo de revisión e validación destas transmisións que implica unha fluída comunicación co persoal das lonxas para a súa consolidación definitiva. Rematada esta fase, procédese á confección do anuario mediante a construción das diferentes táboas de datos e realización dos gráficos asociados.

A publicación estrutúrase en cinco partes nas que se poden atopar os datos de primeira venda para os diferentes grupos biolóxicos, as vendas por distribución xeográfica, as especies de maior representatividade comercial, así como o volume comercializado e o valor das vendas das principais lonxas.

No capítulo 1 preséntanse os datos para os diferentes grupos biolóxicos: algas, moluscos bivalvos, moluscos cefalópodos, moluscos gasterópodos, crustáceos, equinodermos, peixes, poliquetos e o resto das descargas. Ofrécese a posibilidade de desagregar os datos desde o ámbito xeral de grupo biolóxico ata o nivel de detalle de especie a medida que se profunda no capítulo. Ademais, combínase a visión por grupo biolóxico coa visión temporal da información.

O capítulo 2 recolle a información sobre a distribución xeográfica das vendas con dúas visións principais: por provincias e por zonas administrativas de produción, estas ofrécense no anexo I da publicación. En ambos os dous casos, preséntase a información de cada zona xeográfica detallada por grupos biolóxicos e lonxas onde se producen as vendas. Deste xeito poden compararse as especificidades de cada zona con relación aos grupos de especies comercializadas.

A situación das especies de maior representatividade comercial trátase no capítulo 3, onde se establece unha clasificación segundo o volume comercializado en quilogramos e o valor en euros das vendas. Para cada unha das principais especies preséntanse unha ficha individualizada coas vendas por zona administrativa, evolución anual das vendas e principais lonxas con vendas. Ademais, as denominacións comerciais das especies son acordes coas denominacións establecidas pola Secretaría Xeral de Pesca.

O capítulo 4 céntrase nas lonxas como centros de venda co obxecto de focalizar a importancia da súa actividade, así como as especies que se comercializan a través delas. Para isto, establécese unha clasificación en función do volume comercializado e o valor das vendas de cada lonxa, e preséntase unha ficha de cada lonxa coa principal información.

A publicación péchase cuns anexos nos que se presenta información adicional referente ás lonxas e puntos de venda existentes por zona de produción e por provincias; o nome vernáculo, o nome científico e o código FAO das especies.

Por último, indicar que coa publicación deste anuario dáselle cumprimento á difusión dos resultados estatísticos das metas de información e das actividades estatísticas que as satisfán establecidas no Decreto 188/2013, do 19 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. (DOG núm. 249 do 31 de decembro de 2013):

32-301 Estatística da primeira venda de produtos pesqueiros frescos.

AE402 Anuario de pesca.