Rexistro de Buques Pesqueiros 2023



Introdución


O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, creado en 1991, recolle ás características principais a nivel estrutural e de capacidade pesqueira das embarcacións que o compoñen e constitúe un instrumento básico para o coñecemento da realidade e a evolución da frota pesqueira con porto base en Galicia.

A xestión do rexistro está incluída na Plataforma Tecnolóxica da Pesca de Galicia e á súa vez a información que achega é un dos piares sobre os que asenta a propia Plataforma para dar soporte a outras aplicacións relacionadas coas xestións dos diferentes axentes que interveñen no circuíto de produción-comercialización como por exemplo a declaración da alternancia de artes das embarcacións de artes menores, a expedición dos documentos de transporte ou a emisión das notas de venda.

O Rexistro está sometido a constantes actualizacións (modificacións de asentos rexistrais existentes, novas altas e baixas). Para a realización desta publicación tómanse os datos a data 31/12/2023.

Obxectivos da publicación.

Tratar estatisticamente os datos do rexistro de Buques, facilitando ás Administracións Públicas a toma de decisións na xestión do sector.

Dar cumprimento á operación estatística 3201-01-OE06 Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma, recollida na LEI 16/2021, do 20 de decembro, do Plan galego de estatística 2022-2026, e que ten como obxectivo coñecer as características – actividade, artes empregadas, zonas xeográficas de pesca, capacidade de pesca (CV) e capacidade de almacenamento (GT) – da frota pesqueira con base nos portos da Comunidade Autónoma.

Estrutura da publicación.

A publicación estrutúrase en catro capítulos, xunto co prólogo, a introdución e un último capítulo de anexos.

O Capítulo I “FROTA DE PESCA” pretende dar unha visión xeral da composición da frota pesqueira galega, ofrecendo información sobre o número de embarcacións da terceira lista e as súas características principais: arqueo, eslora e potencia. Nesta visión global tamén se inclúe a información da súa distribución territorial por portos base.

Dedícase un capítulo específico, o capítulo II “ARTES MENORES” ao segmento da flota das embarcacións de artes menores debido a ser o colectivo cuantitativamente máis relevante na nosa comunidade. Así, neste apartado a publicación profundiza nas características propias destas embarcacións. Por unha banda ofrécese os datos baixo diferentes enfoques (datos agregados, medios, distribución por provincia, por porto base, por zona de produción, por características estruturais) e por outra, dado que as características e uso das artes están perfectamente definidas na normativa sectorial, presentase a información relativa ás embarcacións que teñen autorizadas determinadas artes como artes de anzol, marisqueo, artes menores de cerco, enmalle e nasas. Cómpre ter en conta que en base á alternancia de artes un mesmo buque pode ter autorizadas ata cinco artes, polo que nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, a suma das distintas categorías non coincidirán co total de embarcacións.

No terceiro capítulo, ”CALADOIRO NACIONAL CERCO”, a información céntrase no colectivo das embarcacións de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste por ser este o censo máis numeroso despois do de artes menores. A información reflectida refírese tanto á súa distribución territorial como ás súas características principais a nivel estrutural e de esforzo pesqueiro.

Finalmente, no cuarto capítulo, ”BUQUES AUXILIARES DE PESCA E ACUICULTURA” reflíctese a cuantificación e as principais características das embarcacións de cuarta lista, correspondentes a buques auxiliares de pesca e acuicultura.