Rexistro de Buques Pesqueiros 2018



Introdución


O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia constitúe o instrumento básico para coñecer realidade e a evolución da frota pesqueira con porto base en Galicia, principalmente sobre as súas características estruturais e de esforzo pesqueiro.

Non debemos deixar de resaltar a importancia deste rexistro como sostén doutras aplicacións relacionadas coas xestións que deben realizar os diferentes axentes que interveñen no circuíto de produción-comercialización como por exemplo a declaración da alternancia de artes das embarcacións de artes menores ou a expedición dos documentos necesarios para amparar o transporte por vía terrestre das capturas, antes da primeira venda, ata as lonxas ou centros de venda autorizados.

Neste sentido, a interrelación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia con estas aplicacións, a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca e dos terminais de autoxestión instalados nos portos galegos (Ticpesc) permiten mellorar, día a día, os servizos ofrecidos aos diferentes sectores.

Metodoloxía

A información é extraída da base de datos do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia unha vez pechado o ano en curso.

Débese ter en conta que o Rexistro durante un mesmo exercicio está sometido a constantes actualizacións (modificacións de asentos rexistrais existentes, novas altas e baixas) polo que haberá datos fluxo (nun período determinado) ou datos stock (nunha data concreta).

Para a realización desta publicación tómanse os datos stock a data 31/12/2018.

Obxectivos da publicación

O principal obxectivo desta publicación é a explotación estatística dos datos do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para coñecer as principais características da frota pesqueira con porto base en Galicia, facilitando ás Administracións Públicas a toma de decisións na xestión do sector pesqueiro.

Outro obxectivo desta publicación é dar cumprimento á operación estatística 3201-01-OE05 Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma, recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2019 (Decreto 165/2018, do 27 de decembro, DOG nº 248 de 31-12-2018), e que ten como obxectivo coñecer as características – actividade, artes empregadas, zonas xeográficas de pesca, capacidade de pesca (CV) e capacidade de almacenamento (GT) – da frota pesqueira con base nos portos da Comunidade Autónoma.

Estrutura da publicación

A estrutura da publicación mantense respecto de publicacións anteriores.

O Capítulo I “FROTA DE PESCA” pretende dar unha visión xeral da composición da frota pesqueira galega, ofrecendo información sobre o número de embarcacións da terceira lista e as súas características principais: arqueo, eslora e potencia. Nesta visión global tamén se inclúe a información da súa distribución territorial por portos base.

O capítulo II “ARTES MENORES” céntrase neste segmento de flota por ser a mais significativa en canto ao número de unidades. Por unha banda ofrécese a súa distribución territorial en función do seu porto base e por outra, dado que as características e uso das artes están perfectamente definidas na normativa sectorial, preséntase a información relativa ás embarcacións que teñen autorizadas determinadas artes como artes de anzol, marisqueo, artes menores de cerco, enmalle e nasas. Cómpre ter en conta que en base á alternancia de artes un mesmo buque pode ter autorizadas ata cinco artes, polo que nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, a suma das distintas categorías non coincidirán co total de embarcacións.

No terceiro capítulo, a información céntrase no colectivo das embarcacións de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste por ser este o censo máis numeroso despois do de artes menores. A información reflectida refírese tanto á súa distribución territorial como ás súas características principais a nivel estrutural e de esforzo pesqueiro.

Finalmente, no cuarto capítulo reflíctese a cuantificación e as principais características das embarcacións de cuarta lista, correspondentes a buques auxiliares de pesca e auxiliares de acuicultura.