Rexistro de Buques Pesqueiros 2009



Introdución


Malia o continuo descenso no número de unidades pesqueiras que se viña constatando desde o ano 2004, o ano 2009 presenta un comportamento máis suave que o do ano anterior. Se durante o ano 2008 se deron 355 unidades de baixa e 57 de alta, cunha variación neta resultante dun descenso de 298 unidades, ao longo de 2009 déronse 103 unidades de baixa e 45 de alta, cunha variación neta resultante de 58 unidades, cantidade moi inferior e que mostra que na frota de artes menores se ralentizou o proceso de despezamento de barcos.

É destacable o despezamento de buques de pesqueiras comunitarias tanto na modalidade de arrastreiros como de palangreiros, feito que está recollido no descenso do 2,48% no arqueo (GT) e do 2,95% na potencia total (CV). Estas baixas afectaron principalmente os portos de Burela e Celeiro, cunha importante frota destas características.

A frota de artes menores, que durante o ano 2008 presentou unha caída do 6,58%, neste ano 2009 viu reducido o seu descenso a un 1,01%. Estas baixas estiveron vinculadas a embarcacións que tiñan, entre outras, artes de anzol, enmalle, nasas e artes de marisqueo.

A ría de Arousa, a zona da Costa da Morte e A Mariña son as áreas xeográficas onde se acumula o maior número de baixas, representando o 84% do total de baixas rexistradas.

Tal como se vén producindo nos anos anteriores, a frota de artes menores concéntrase principalmente nas Rías Baixas, entre as que destaca de xeito sobranceiro a ría de Arousa. Pola contra, as embarcacións de maior tamaño, relacionadas na súa actividade pesqueira cos caladoiros comunitarios e os caladoiros en terceiros países, están censadas nos portos de Vigo e da Mariña.

Esta edición presenta unha versión ampliada con máis táboas e gráficos no apartado de publicacións de www.pescadegalicia.com.

Cómpre subliñar que nas táboas de detalle do estrato de artes menores a suma de buques non é igual ao total de buques que forman o segmento, posto que un mesmo buque está sumando en cada unha das artes que figuran como autorizadas no seu permiso de explotación.

Con esta edición de 2009 dáselle a axeitada divulgación á información estatística de carácter oficial recollida pola operación estatística 32101 "Explotación do rexistro de buques pesqueiros da comunidade autónoma", incluída no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010, tal como se recolle no Decreto 433/2009, do 11 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.