Rexistro de Buques Pesqueiros 2008



Prólogo


Ao longo destes cinco anos a publicación que reúne os datos do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia converteuse nunha referencia para os distintos grupos de investigadores asentados no noso país. Estudos realizados desde entes como o Instituto Universitario de Estudos Marítimos da Universidade da Coruña, a Fundación Caixa Galicia, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Consello Económico e Social de Galicia (CES) ou o Instituto Galego de Estatística (IGE) empregan como fonte os datos recollidos a través desta publicación e desde as actualizacións que, con carácter provisorio, se ofrecen diariamente na plataforma tecnolóxica da pesca, www.pescadegalicia.com.

Nesta nova edición prodúcese unha variación en canto ao formato de presentación das táboas e gráficos. Deste xeito, para seguir as pautas establecidas dentro da Administración autonómica para reducir o emprego de papel, o número de páxinas deste libro diminúe nun 35%. Non obstante, para seguir amosando a información resultante da análise dos datos dispoñibles, xúntase a este exemplar un disco compacto con todo o resto de táboas e gráficos resultantes, cun deseño de fácil navegación e que lle permitirá ao usuario visualizar todos os contidos do seu interese.

Finalmente, quixera destacar que tamén ao longo do ano 2008 desde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos se apostou pola introdución das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) no sector pesqueiro galego, unha liña que queremos manter neste ano 2009. Deste xeito, púxose en funcionamento, por unha banda, o proceso de obtención de documentos vinculados á primeira venda de peixes e mariscos en fresco, e, por outra, o proceso de comunicación de cambio de arte para a frota de artes menores. Estes dous procedementos, moi vinculados á situación da embarcación, permitirán incrementar o emprego e a actualización dos datos deste rexistro de buques, aumentando a fiabilidade neles.

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos
Carmen Gallego Calvar