Rexistro de Buques Pesqueiros 2008



Introdución


Coa publicación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 preténdese facer unha divulgación axeitada da información estatística de carácter oficial recollida pola operación estatística 32101 "Explotación do rexistro de buques pesqueiros da comunidade autónoma" incluída no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, tal como se recolle no Decreto 282/20081.

Ao longo do ano 2008 tiveron lugar un total de 57 altas de novas embarcacións de pesca, mentres que se produciron 355 baixas efectivas da actividade. Estas baixas afectaron principalmente a embarcacións do censo de artes menores. Os portos en que houbo un maior número de baixas son Rianxo con 29, Cambados con 26, Redondela con 24 e Cangas con 22. Por outra banda, os portos en que se rexistrou un maior número de altas foron Celeiro con 8, Vigo con 5, Marín con 4 e Bueu con 4.

Dous indicadores de interese relacionados coas características da frota son o seu arqueo e a potencia. Nos resultados de 2008 pódese comprobar como a variación destes valores con respecto a 2007 son do 3,55% e do 1,18% para cada un deles; tendo en conta as baixas e altas relatadas anteriormente e a baixa variación de incremento do arqueo e da potencia, as novas incorporacións foron de buques de maior porte, principalmente dirixidos a pesqueiras en augas comunitarias e en caladoiros de terceiros países.

En canto ao repartimento da frota, tres de cada catro embarcacións que figuran rexistradas teñen como porto base un porto da Zona III - Ría de Arousa; estas embarcacións son de pequeno porte e a súa actividade pesqueira está dedicada ás artes menores. A Zona I - Vigo e a Zona IX - A Mariña caracterízanse por acumularen os maiores valores de arqueo e o arqueo medio por embarcación: Vigo 101,20 GT/buque e A Mariña 131,87 GT/buque.

En relación coa frota de artes menores, as artes máis empregadas son: marisqueo desde embarcación, presente no 79,57% dos buques; liña ou cordel, no 70,82%; nasa de nécora, no 52,82%; nasa de polbo, no 44,61% dos buques; trasmallos, no 48,80%, e miños, no 45,49%.

Cómpre subliñar que, nas táboas de detalle do segmento de artes menores, a suma de buques non é igual ao total de buques do estrato, posto que un buque pode computar en cada arte para a cal ten licenza para faenar.

1Decreto 282/2008, do 18 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.