Anuario de pesca 2022



Presentación


As lonxas son un bo termómetro da evolución da actividade marítimo-pesqueira e os resultados obtidos o ano pasado mostran certa recuperación tralos difíciles anos 2020 e 2021 a causa da pandemia da covid-19.

O sector pesqueiro é todo un exemplo de esforzo e entrega para ofrecer alimentos de calidade á cidadanía -vital para garantir a soberanía alimentaria- e en 2022 volveuno demostrar achegando ás 65 lonxas galegas preto de 135.000 toneladas de máis de 300 especies diferentes de peixes, bivalvos, cefalópodos, crustáceos, algas ou equinodermos, entre outros.

Son recursos da máxima calidade e moi demandados tanto en Galicia como fóra das súas fronteiras, o que contribuíu a que os seus prezos medios marcasen un novo récord no pasado exercicio acadando os 3,26 euros de media, feito que tamén axudou a que a facturación dos centros de primeira venda subise un 3% en relación con 2021 ata roldar os 440 millóns de euros.

Avánzase así na senda de mellora da comercialización dos peixes e mariscos mantida nos últimos anos e na que é preciso afondar para darlle valor e recoñecemento ao excelente labor que realizan os profesionais do noso mar. Con ese obxectivo imos seguir traballando da man do propio sector para, mediante accións de promoción como a campaña GALICIA SABE AMAR, dar a coñecer os numerosos manxares que ofrecen as rías galegas e que acaden cotizacións acordes ás súas especiais características.

Todos estes datos reflicten o bo facer da nosa frota, o primeiro elo dunha longa cadea que fai do complexo mar-industria de Galicia un sector fundamental da economía autonómica, con incidencia en 76 das 83 ramas de actividade existentes na comunidade. Por iso é vital defender os seus intereses ante medidas inxustificadas e arbitrarias como os vetos a distintas artes de pesca que se están a promover desde Europa.

Somos conscientes de que a frota pesqueira ten no seu ADN a resiliencia, adaptándose a dificultades como as derivadas da covid-19 ou a prohibición da pesca de fondo en 87 áreas de augas comunitarias, pero non pode someterse a tensións constantes como as que se están a impoñer ultimamente pois está en risco o futuro da actividade extractiva.

E estao por decisións arbitrarias e sen argumentos sólidos que as sustenten pois só hai que botar a vista atrás para comprobar que os buques galegos sempre apostaron por unha pesca sostible e polo coidado dos recursos, clave para garantir a continuidade do seu labor. De feito, iso é o que permitiu que a maioría dos caladoiros nos que faenan os pescadores galegos se atope en niveis biolóxicos óptimos, o que debería facer reflexionar a determinados dirixentes sobre cal é o problema dos océanos.

Galicia é a principal potencia pesqueira europea e vai loitar para seguilo sendo. A defensa dos intereses da frota ante os vetos inxustificados que se presentan agora e de cara ao futuro será transcendental para garantir o porvir desta rama da economía e que estes datos das lonxas que medraron en 2022 poidan seguir á alza nos vindeiros anos reeditando récords de anos precedentes.

Galicia sabe pescar -de xeito sostible-, sabe comercializar -poñendo en valor os seus produtos- e sabe que esta actividade -se non se lle poñen trabas innecesarias- ten futuro. Por iso imos seguir dicindo ben alto, tanto aquí como fóra das nosas fronteiras, que GALICIA SABE AMAR.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar