Presentación
Cando os analistas da estatística realizan un informe sempre se sinala que esta soe responder a unha foto fixa dunha circunstancia nun momento dado ou nun período concreto. Certamente así é, e tamén cando falamos das estatísticas do mar. Agora que o Servizo de Análises e Rexistros nos poñen ao alcance esta publicación, podemos comprobar como saíu retratado o noso sector marítimo-pesqueiro na súa evolución de 2017.
Sen dúbida, collendo os datos que se nos presentan e que saen da achega de arredor de catro millóns de notas de venda xeradas nas nosas lonxas, vemos como o noso sector pesqueiro e marisqueiro sae especialmente favorecido nesta foto de 2017. Dicimos isto porque as cifras son exemplificadoras: superáronse os 500 millóns de euros en vendas e acadouse a mellor cifra de descargas e facturación desde que hai rexistros sistematizados, superando nun 27% a media anual de quilos desembarcados e nun 18% o volume de cartos obtidos por esas descargas.
Se entramos nos detalles da foto temos moitos matices positivos, e iso é especialmente grato para o sector e para Galicia. Se vemos a foto na perspectiva dos grupos biolóxicos vemos como os moluscos bivalvos saen destacados, xa que a súa evolución con respecto a 2016 é positiva, incrementándose nun 22,6% a súa descarga e nun 15,8% a súa facturación. Se a viramos e asumimos a perspectiva dos segmentos de flota, destaca nesa vista o grupo de artes menores, cunha evolución positiva tanto en descargas (+6%) coma en vendas (+4,8%) con respecto a 2016.
Así todo, a mellor lección da imaxe desta foto do sector en 2017 ven dada pola comprobación da evolución positiva do mesmo. O constante cambio ao que se ve sometida a actividade marítimo-pesqueira ten a súa resposta por parte dos mariñeiros e mariscadoras e a adaptación faise eco do cambio e emprégao como oportunidade de mellora.
Dicía o premier británico Winston Churchill que mellorar é cambiar, e para acadar a perfección temos que ter cambiado a miúdo. O noso sector cumpre esa premisa e busca con eses cambios a excelencia na súa actividade e para os seus produtos. Por iso debemos seguir traballando nos cambios, de forma especial na comercialización.
Mellorar o axuste entre oferta e demanda é un dos cambios que debemos abordar para perfeccionar o noso resultado, tendo en conta, asemade, que a cadea mar-industria xoga un papel importante e pode ser o aliado perfecto para avanzar nos mercados e acadar o maior valor engadido. Vaia de exemplo numérico que un quilo de produto do mar transformado acada case os cinco euros no mercado mentres que o quilo de produto en fresco acada a metade de valor na lonxa.
Avanzar na identificación, na distinción e na imaxe de calidade é outro dos cambios no que debemos afondar, máxime tendo en conta que non so nos chega con ter os mellores produtos do mar, senón que nolo deben recoñecer e valorar. Neste sentido, a trazabilidade xoga un papel fundamental e nel estamos implicados e traballando arreo tanto o sector coma a administración.
Con todo isto, cambiando pouco a pouco, adaptando as estruturas aos retos e vogando coma sempre o fixemos, estamos seguros de que se acadarán moitas máis fotos positivas para o noso sector. De nós depende atopar as cores e os fondos ideais, porque nestas fotos non valen nin filtros nin recortes. En mellorar máis esta foto estamos e niso seguiremos.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar