Presentación
Non descubrimos nada novo se dicimos que a pesca é un sector estratéxico para a nosa economía e que esta consideración esixe valorala como tal tamén a efectos estatísticos. Así, o sector, como fornecedor de datos, e a administración autonómica, como compiladora destes, desenvolven un rigoroso e exhaustivo seguimento para ofrecer á sociedade puntual e diaria información a través da web pescadegalicia.com, información que despois queda compendiada e resumida neste anuario. Dúas ferramentas, plataforma informática e anuario, imprescindibles para a toma de decisións no curto e medio prazo e para axustar cada un dos pasos que se vai dando na xestión desta actividade.
Deste xeito, este anuario dinos de novo que a importancia da pesca en Galicia é un feito incuestionable, acreditado por unha flota de máis de 4.500 buques, unhas capturas de peixe fresco superiores aos 187 millóns de quilogramos e unha facturación de 432 millóns de euros no exercicio 2014.
Así pois, estamos ante un sector no que, lonxe de pór o acento no volume de capturas que veñen limitadas polo debido mantemento da capacidade de reprodución anual, se debe centrar os esforzos na mellora da comercialización, xa que temos un produto de calidade suprema, único no mundo, que debe afianzar o seu valor engadido para así facer máis rendibles e sostibles as empresas, tradicionalmente familiares, mantendo nun estado óptimo os recursos da despensa que as nosas rías, mares e océanos constitúen.
Nesta ocasión a publicación reflicte a recuperación das descargas ao longo do 2014, no que, a bo seguro, ten moito que ver o aumento global das cotas conseguido nos últimos anos e o cambio de modelo implantado na xestión das pesqueiras nas que participa a nosa flota, e que permite pescar preto da nosa costa diferentes especies polas que antes nos tiñamos que desprazar.
Ademais, o comezo da fin da crise e a progresiva implantación das accións de mellora da comercialización xa se albiscan entre os datos recollidos nesta publicación, xa que nas súas estatísticas recolle a recuperación do valor económico dalgúns dos grandes grupos de especies da pesca, coma o de moluscos bivalvos, así como se avanza positivamente no montante global do valor dos peixes e mariscos descargados nas lonxas galegas, cuxos valores económicos medraron respecto do ano 2013.
Xa que logo, este anuario supón unha nova páxina na Historia da Pesca de Galicia, que se foi escribindo día a día ao longo do 2014, co esforzo de mariñeiros, produtores e administración, e no que se recolle un relanzamento da nosa actividade cara ao que todas e todos desexamos: un futuro prometedor no que a pesca galega volve a brillar con luz propia.
Por último, no convencemento de que a edición do Anuario de Pesca de Galicia 2014 será de utilidade para todos os armadores, produtores e profesionais do sector, así como para os cidadáns en xeral, quero expresar o meu sincero agradecemento ao Servizo de Análise e Rexistro da Secretaria Xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar, polos esforzos realizados para reunir nesta publicación, dun xeito áxil, sinxelo e accesible, unha información de interese para a actividade do sector pesqueiro. Para eles e por eles traballan día a día cun único obxectivo: dotarnos dos mellores datos para determinar hoxe o mellor rumbo do mañá.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar