Acuicultura mariña
A cadea mar-industria de Galicia é unha das máis importantes do mundo e os seus múltiples elos contribúen á subministración de alimentos de calidade á cidadanía mediante a posta no mercado da proteína mariña que permite levar unha dieta saudable. Nesa cadea é fundamental o papel da acuicultura, que complementa a actividade extractiva e ofrece aos consumidores produtos da máxima calidade e de recoñecido prestixio como o mexillón, a ameixa, as algas, o berberecho ou as distintas variedades de peixes.
Trátase dun sector esencial para a sociedade e a economía de Galicia como se demostrou o pasado ano e así foi recoñecido trala declaración do estado de alarma como consecuencia da alerta sanitaria pola covid-19. Unha situación na que os profesionais do noso mar volveron demostrar a súa entrega e o seu compromiso co conxunto da cidadanía, pois traballaron arreo para que non faltase nas nosas mesas ningún dos manxares que abundan nas nosas costas.
Ese esforzo foi o que permitiu que o sector resistise mellor que outras actividades da economía galega malia que un dos principais destinos dos seus produtos -a hostalería- permaneceu pechada ou con moitas limitacións de aforo durante todo o ano. Así o reflicten os datos do Anuario de Acuicultura de 2020, cunha caída global da produción acuícola de algo máis do 9% mentres que os ingresos descenderon un 16% como consecuencia da menor demanda existente no mercado.
O comportamento das distintas actividades acuícolas, non obstante, non foi homoxéneo e pode constatarse cos datos do anuario como o impacto da pandemia e o peche da hostalería foi maior tanto no cultivo de peixes como nas vendas vencelladas co marisqueo. Mentres, a produción de mexillón resistiu un pouco mellor, manténdose en niveis semellantes á media dos últimos anos.
A produción de algas, pola súa banda, mantivo o seu pulo en 2020 cun importante crecemento do 58% nas vendas e do 46% na facturación. Un feito que mostra a importancia de avanzar no coñecemento deste recurso -algo no que xa están a traballar os profesionais do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA)- para realizar unha xestión sustentable destas verduras mariñas e ordenar o seu cultivo.
A difícil situación vivida o ano pasado, e que aínda estamos a padecer, serve para recordarlle a aqueles que non tiveran presente que o sector primario é fundamental para a nosa economía e a nosa sociedade que hai que adoptar medidas e políticas que contribúan ao seu desenvolvemento e á súa protección. Por iso, debe servir de aprendizaxe para que o conxunto das administracións -nacionais e internacionais- aposten por un sector que en Galicia sempre defendemos.
Non quero rematar sen agradecer ao conxunto do complexo mar-industria de Galicia o importante esforzo realizado durante 2020 malia as dificultades, un agradecemento que fago extensible aos magníficos profesionais do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Durante a pandemia mantiveron a súa actividade de xeito ininterrompido velando pola correcta extracción dos produtos do mar e garantindo que todo o marisco ou o mexillón que se extraía en Galicia e chegaba aos consumidores era apto para o consumo.
Estamos no bo camiño e debemos aproveitar as fortalezas do noso complexo mar-industria. Con esa idea seguimos traballando, sempre da man do sector, para seguir optimizando tanto a actividade acuícola como a extractiva na comunidade.
Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar